luns, 16 de xuño de 2014

Visita ao CosmoCaixa e a Sagrada Familia by: María e Marisé

Estamos a mércores, chega a metade da nosa viaxe, pero aínda tíñamos moitas anécdotas por vivir.

Comezamos o día como era habitual, ás nove menos cuarto todos reunidos na saliña que estaba ao lado do comedor, polo menos esa era a teoría, na práctica sempre había alguén (Marisé) que chegaba tarde. Despois chegaba a habitual cola para coller a comida, non había moitas cousas interesantes para aproveitar, pero quedábanos a máquina de zume defectuosa, que en vez de botar piña, botaba auga. A pesar diso, o de biofrutas estaba delicioso. Como todos os días, había xelatina no andel, Marisé ódiaas, pero a María dábanlle a vida cada mañá. 

O bus xa nos esperaba no mesmo lugar de sempre, ao lado do estanque tan bonito que finalizaba na praia. Subimos ao bus e puxemos rumbo cara ao Camp Nou, que aínda que só visitaramos dende fora, deixou unha boa impresión nas nosas mentes. A nós persoalmente pareceunos ostentoso, pero xa sabemos o que pasa co fútbol, e máis en BCN. A tenda de agasallos e equipaxes do Barça tiña tres pisos! O estadio, era tan alto que apenas se miraba nada, simplemente unha parede cunha foto dos xogadores, quizais necesitaramos máis perspectiva.  


Estabamos no bus de camiño ao CosmoCaixa, este museo atópase nunha zona bastante alta da cidade, na zona baixa tiña un espacio aberto cuns xardíns. Era un edificio normaliño, é dicir, dende fora non impactaba tanto como os grandes edificios do centro. Entramos e tivemos que baixar arredor dun tronco enorme. Ao chegar abaixo, tiñamos a vista dun péndulo que tiraba placas para demostrar que a Terra xira, este experimento chámase "O experimento de Foucault". Pasamos toda a mañá facendo e mirando cousas da exposición, foi unha mañá moi calmada. 


A mellor parte do CosmoCaixa foi sen dúbida a selva que tiñan montada, tamén cunha lagoa que se podía observar dende fóra. Se querías velo máis a fondo tiñas que entrar por unha porta e de seguido te atopabas metido nunha especie de cova con ventás para mirar como se relacionaban as especies. Cando Mar, Óscar e María entramos levamos unha gran sorpresa, había unha londra nadando, nós estabamos alucinando, non nos esperabamos un becho peludo na auga. Cando nos demos conta do que era xa nos tranquilizamos. Había tamén unha granxa de formigas, era moi divertido miralas. Despois saímos ao exterior, María estaba "cagada" porque lles ten algo de fobia non diagnosticada aos paxaros e non lle apetecía levar ningún susto nin facer un espectáculo de fuxida. Alí dentro sentíase a calor e a humidade esaxerada, ademáis os peixes eran do máis raro, non nos daría ningunha cobiza  darnos un baño con eles nin por un millón de euros. 

Pola tarde, despois de comer alí e descansar no bonito xardín traseiro, volvémonos atopar coa nosa guía de Barcelona. Tocaba visitar os edificios máis emblemáticos, principalmente pola súa arquitectura modernista. Gracias ó impeto de Gaudí por innovar puidemos admirar "La Pedrera", "La casa Batlló" e como non, a impresionante basílica de Barcelona "La Sagrada Familia". O perfeccionista que era este arquitecto axudou a que nós puidésemos gozar deses magníficos edificios. Encontramos moi decepcionante que "La Pedrera" estivese en obras e non puidésemos apreciar a súa beleza. 


Estes dous edificios estaban cerca un doutro, os dous nunha rúa moi longa, que se atopaba en obras. De feito, estas obras tamén tiñan que ver co arquitecto catalán, xa que estaban a poñer unhas lousas cun deseño made in Gaudí ao longo de todo ese paseíño. 

O deseño naturalista e totalmente perfeccionista de Gaudi era moi novidoso, nada do que miráramos anteriormente era nin sequera similar. 

A rúa pola que camiñamos para poder apreciar eses edificios confluía na Praza de Cataluña, un lugar moi transitado, sobre todo por turistas, tendo en conta que alí era onde paraban todos os autobuses dos excursionistas e, ademais, a poucos metros estaban situadas as Ramblas. Como todo turista que se prece collemos o bus nese alboroto de "guaguas" e puxémonos en camiño cara á Igrexa de Santa Mariña. 

Non hai nada que nos sorprendese demasiado dese santuario, era bonito, pero todo queda eclipsado despois de visitar a basílica máis famosa do mundo que aínda está en construción. Alí foi a nosa seguinte parada, a grandeza desa obra arquitectónica deixounos a moitos de nós pampos; tiña unha altura impresionante. Vela na súa totalidade requiría de lugares nos que poder apreciar as zonas máis altas con algo de perspectiva. Por este motivo, ao redor había dous parques. A un lado hai un colexio que vai ser demolido para poder crear un parque e poder ter tamén a perspectiva necesaria.


Ao entrar no recinto da Sagrada Familia entregáronnos unha especie de radio con auriculares para escoitar á guía sen que esta teña que elevar a voz (estando nunha basílica sería de mal gusto poñerse a berrar). Claro estaba que tendo eses auriculares, íamos comezar a facer o parvo: desde apagalo para que a irritante voz de Eva non nos tradease o tímpano, ata facer que estabamos escoitando un partido pola radio. Algúns eran máis orixinais e facían que estaban nunha mesa de mesturas por detrás da guía, foi o momento máis divertido da visita. Grazas queridísimo Héctor pola túa pequena "amenización" da visita á Sagrada Familia. (Comentario da profe: Tiña que ser Héctor, como non, e ti dálle as grazas...)

A altura da construción vista dende dentro tamén impresionaba, ademais de que estaba totalmente suxeita por columnas, é dicir, as paredes exteriores non supuñan ningún tipo de reforzo para o teito, mantíñase en pé grazas a esas inmensas estruturas que parecían patas de elefantes. 

Logo fomos cara o bus. Recordo as présas que levabamos e as ganas de mexar que algúns tiñamos, pero claro, ao parecer nunha basílica non se fan baños, un erro moi grave no deseño, e non íamos parar no medio da rúa a mexar. Lembro esa viaxe como a máis longa de toda a excursión, aínda máis que as de ida e volta dende Galicia-Cataluña. Estabamos todos un pouco sobados, centrándonos na paisaxe tan diferente á habitual en Galicia e tamén na música que resoaba nos nosos oídos. 

Fomos rapidamente cear, xa chegábamos algo tarde, e logo a prepararnos para saír por segundo día consecutivo. Tiñamos moitas ganas. 

Ese día non eramos os únicos que estabamos en Niki´s, estaba petadísimo, pero había poucos "chigrinskis" machos, sen embargo chigrinskis mozas había moitísimas. 

Os homes estaban na gloriaaa. O malo de estar nun sitio con tanta cantidade de xente é que ía moitísima calor e ao final resultaba algo agoniante estar alí. María marchou cedo para o hotel porque estaba cansa e ademais non tiña cartos para poder aproveitar ben a noite, polo tanto agora Marisé vaivos contar todas as súas anécdotas de troula. 

Comecemos dicindo que esa noite foi espectacular, coñecemos moita xente de diversos lugares de España, bailamos, cantamos, subímonos a tarimas e demais. Como non, tiñamos que deixar claro que Salceda alá onde fora chamaba a atención. Tamén direi, como afago ós mozos de aquí, que eran os máis guapos que alí había, medo me da dicirlles isto... 

Como de costume a primeira parada foi no On Sempre. Chegamos alí e recibimos unha moi boa acollida do camareiro (ata nos deixaron poñer unhas cantas cancións). Tras unhas cantas Coca-Colas e demais para matar a sede, fomos ao Niky´s. Alí tamén había unha cantidade impresionante de xente. Nós ocupabamos a zona máis alta, éramos os que máis bailabamos, cantabamos e os que máis sede tiñamos... Chegadas ás dúas e media da mañá, todos con cara de felicidade, comezamos o camiño cara ao hotel, mentres penaábamos como íamos saír dos nosos cuartos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario